Fátima Carmena, becaria de máster 2008, premiada pola mellor campaña de publicidade dixital en galego


A axencia creativa de marketing online da Coruña “Nasas” foi premiada co premio a mellor campaña de publicidade dixital en galego na XXIV Edición dos Premios de Publicidade en Galego do Consello Asesor da CRTVG-RTVE pola campaña “A túa compra, os teus temazos” deseñada para supermercados Gadis no 2016.

O galardón, que recoñece as mellores estratexias publicitarias que impulsan o uso da lingua galega realizadas ao longo do ano 2016, foi recollido o 17 de novembro no Parlamento de Galicia.

“A túa compra, os teus temazos” baséase nunha proposta de experiencia de cliente no punto de venda pola cal os usuarios podían propor as súas pezas musicais preferidas para seren escoitadas no supermercado no momento de realizar a compra.

As propostas dos usuarios realizáronse mediante un concurso no que sinalaron os seus temas favoritos para entrar nun sorteo de invitacións para os festivais de verán patrocinados pola cadea de supermercados; sendo un dos eixes principais desta promoción a difusión a través de Spotify, a aplicación de música en streaming, facendo desta unha das primeiras campañas para unha empresa galega, e en galego, que se fixo na plataforma.

Este premio únese ao acadadado no mes de xuño no Publifestival pola campaña de Street marketing “Hombre de Oro” para Cruz Vermella Galicia. Esta axencia coruñesa nada no ano 2012 acumula salientables recoñecementos pola súa labor creativa entre os que destaca “Premio Smile Festival” pola súa campaña “Fai historia con nós” ou o “Premio EGANET” á Mellor Campaña de Comunicación Dixital 2013.