Cristina Pato gana un Grammy


Cristina Pato gana un Grammy al mejor album “World Music”

-Premian en EE. UU. ao seu grupo e vostede está en Ourense. ¿Non contaba con acadar o Grammy?

-Si. De feito sempre dixen que me facía moita ilusión desta volta, porque era unha celebración compartida cos músicos galegos. A explicación é sinxela, tiña compromisos familiares e daquela por iso viñen.

-¿Como o vai celebrar?

 -Hoxe [por onte] mesmo con toda a familia. Temos o cumpreanos de miña irmá Iolanda e ímolo festexar nesa xuntanza coa miña nai e coas miñas irmás. ¡A mellor das celebracións!

-Anxo Pintos amosaba no seu perfil o agradecemento por ter participado en «Sing me Home» co arranxo de «Cabaliño» e por darlle a oportunidade.

 -Este Grammy é especial para min e conta cun valor engadido. Cando á Silk Road llo deron no 2010 polo disco Songs of Joy and Peace, eu figuraba alí como artista convidada. Desta volta formo parte do proxecto e a nova versión de Cabaliño foi gravada xunto co resto dos membros do Rústica: Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña. Eles son agora os Grammy como artistas convidados.

-Vostede participa nun proxecto multicultural que integra a músicos de todo o mundo. ¿O novo escenario político inflúe no seu traballo?

-Si, as ordes executivas a nivel migratorio tocáronnos de preto no caso de dous dos membros da Silk Road Ensemble. Un é sirio e outro iraniano. O primeiro estivo dúas semanas sen poder entrar ao país, aínda que ao final conseguiuno. Co iraniano non sabemos que vai pasar; agora está de xira por Europa e estamos pendentes do que poida acontecer cando volva.

-¿Afectará ao grupo?

-O disco premiado vai nesa liña, a da multiculturalidade e o que podemos aportar os músicos que estamos na Ensemble. Que haxa unha canción iraniana, unha siria, unha galega e outras doutros países é unha metáfora. O plan de acción para os próximos meses é incidir na filosofía do proxecto: levar esta conversa a onde hai sede de valores, de respecto, de intercambio cultural e de inmigración. O máis fermoso deste proxecto é que naceu para tentar promover o intercambio cultural a través da música. Somos colegas de todas as partes do mundo que traballamos como iguais.

-¿O escenario é de incerteza?

-Moito. O máis impactante foi decatarme de que estaba nunha burbulla. Vivo na Costa Este e, en doce anos, non fun capaz de ver o que podía pasar e que existise ese 50 % que estaba do outro lado cunhas ideas tan radicais. E nótase a diario. Sinceramente, dá medo. Estamos a vivir na cultura do medo e iso é perigoso.

-¿Como ve o futuro?

-O que temos que facer, tanto como músicos como na miña faceta como docente en Harvard, é traballar para facer ver a riqueza que supón o entendemento e a multiculturalidade

Fuente: La Voz de Galicia (14.02.2017)

Autor: Xosé Manoel Rodríguez

Imagen: Miguel Villar