Antón Barreiro, bolseiro de investigación 2012, avanza no estudo da rexeneración de neuronas cerebrais en lesións medulares


A escasa capacidade rexenerativa das neuronas cerebrais é unha das principais causas da falta de recuperación tras unha lesión medular. Unha das razóns fundamentais é que os axóns –prolongacións das neuronas que transmiten impulsos nerviosos– de neuronas cerebrais que conectan coa medula espinal non son capaces de se rexenerar despois da lesión e así volver conectar coas súas neuronas diana.

Precisamente na busca de formas de promover esa rexeneración traballa o equipo dirixido por María Celina Rodicio e Antón Barreiro, do Departamento de Bioloxía Funcional da USC, que acaba de dar un paso máis na procura dunha solución para as 30.000 persoas que se calcula que existen hoxe en España con esta doenza.

O seu grupo, que investiga en lampreas dada a súa incrible capacidade rexenerativa despois dunha lesión desas características, acaba de publicar na prestixiosa revista Cell Death & Disease un estudo no que demostran que o GABA, coñecido polo seu papel como neurotransmisor inhibidor no sistema nervioso central, promove a supervivencia e rexeneración de neuronas cerebrais nun modelo de lesión medular neses animais.

No traballo constatan que tratamentos con fármacos GABAérxicos como o baclofen promoven a supervivencia e rexeneración axonal de neuronas cerebrais que inervan a medula espinal e que foran danadas coa lesión medular. “O baclofen é un fármaco que xa está aprobado para o seu uso en humanos para outras condicións e enfermidades, algo que podería facilitar o traslado á clínica dos resultados obtidos en modelos animais”, asegura Antón Barreiro.

Colaboración internacional

O estudo foi froito dunha colaboración co grupo da doutora Jennifer Morgan, do Eugene Bell Center for Regenerative Biology and Tissue Engineering de Estados Unidos, pero o grupo de Antón Barreiro xa estableceu novos contactos con outros en Canadá e Portugal para intentar trasladar estes resultados a modelos pre-clínicos.

O artigo ‘GABA promotes survival and axonal regeneration in identifiable descending neurons after spinal cord injury in larval lampreys’ súmase a traballos anteriores nos que os investigadores de Bioloxía da USC van dando novos pasos “que nos permitan trasladar os resultados en lampreas a mamíferos e así desenvolver novas terapias para o beneficio de pacientes con dano medular”, explica Barreiro.