A psicopedagoga e cantante Lucía Casal de la Fuente doutórase con Cum Laude na USC cunha tese sobre a necesidade de acceso universal á educación vocal e do canto
Lucía Casal foi beneficiaria dunha bolsa da Fundación Barrié para realizar unha estadía de investigación no ano 2016 no University College London-Institute of Education, co fin de recoller datos para o segundo estudo de caso da tese de doutoramento, dentro do programa nacional de canto inglés, o Sing Up Programme.
“Boas prácticas psicopedagóxicas para a educación vocal e do canto na infancia: estudo de casos en dous programas de referencia internacional” é o título da tese de doutoramento da psicopedagoga e cantante compostelá Lucía Casal de la Fuente, que vén de doutorarse con mención internacional o pasado 28 de abril na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.
O traballo entende a educación vocal e do canto dende a óptica da educación para a saúde: dados os múltiples beneficios que este tipo de educación reporta, esta non debera ser patrimonio daquelas persoas que pola súa condición puideran acceder a ela. Porén, a oferta educativa neste eido non sempre responde aos factores de innovación e equidade, que a autora considera fundamentais. Por iso, propúxose como obxectivos descubrir, documentar, analizar, e facer visible a práctica docente de profesorado “exemplo de boas prácticas” na didáctica da educación vocal e do canto en programas nacionais; e establecer as bases dunha proposta de corte inclusivo, innovador, e equitativo, que finalmente deu lugar ao proxecto psicopedagóxico de educación vocal e canto chamado Voces Ledas (desenvolto en colaboración co CEIP López Ferreiro e co director do Orfeón Terra a Nosa, Miro Moreira). Para definir as características das boas prácticas, esta investigadora novel recolleu datos en dous países con programas nacionais de canto: o Programa Nacional de Orquestas y Coros Infantiles y Juveniles para el Bicentenario de Arxentina, e o Sing Up Programme de Inglaterra; onde a xa doutora se dirixiu con axudas económicas do goberno español e da Fundación Barrié, respectivamente.
Os resultados mostran que as boas prácticas aparecen en contextos institucionais e culturais que as financian, recoñecen, e impulsan, nunha contorna que participa nelas. Reivindícase nesta investigación que a formación docente inicial debe ser revisada, na cal a voz (como ferramenta transversal para a docencia) debe enmarcarse dentro da educación para a saúde e recibir unha atención primordial. Remárcase tamén a necesidade de diversificar as oportunidades de acceso á formación en educación vocal e do canto dende a dobre óptica da innovación e da equidade, para que cada vez máis persoas se poidan beneficiar deste tipo de educación.
Trátase da primeira tese que se defende de modo completamente en liña na Facultade de Ciencias da Educación e dentro do Programa de Doutoramento en Equidade e Innovación en Educación, coordinado na USC polo profesor Felipe Trillo. Cómpre salientar o carácter interuniversitario deste programa, no que participan as tres universidades galegas (USC, UVigo e UDC), e as universidades de Oviedo e Cantabria.
Merecedor da cualificación Sobresaínte Cum Laude, o traballo foi dirixido polo catedrático de didáctica Miguel Ángel Zabalza Beraza e pola profesora de didáctica da expresión musical Carol Jean Gillanders; e o tribunal que o xulgou estivo composto por Quinto Battista Borghi (presidente da Fondazione Montessori Italia), Enrique Muñoz Rubio (profesor de música da Universidad Autónoma de Madrid), e María José Fiuza Asorey (logopedista e profesora de psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela).